Non nos sorprende a actitude da patronal, nunca quixeron o rexistro horario

Despois das sentenzas da Audiencia Nacional que lles obrigaba a contar cun rexistro de xornada, os bancos optaron por abrir unha negociación. Ao longo do tempo denunciamos que só buscaban un sistema que lles permitira seguir coa fraude. Agora que o Tribunal Supremo eliminou esa obriga para Bankia, din que non están dispostos a negociar o rexistro.

Independentemente do que a xustiza española considere, resulta imposible rexistrar as horas extraordinarias sen que exista un rexistro da xornada diaria realizada por cada traballador ou traballadora. Aos feitos nos remitimos, segundo a EPA o sector financeiro lidera la realización de horas extraordinarias. 

O Supremo non eliminou a obriga por parte das empresas de rexistrar as horas extras, nin a obriga por parte da empresa de comunicar aos traballadores e traballadoras a xornada e horas realizadas nin, por último, a obriga de comunicar á representación sindical as horas extras. Por iso propoñemos: 

• O rexistro da xornada a través da conexión ao ordenador, dos móbiles, ou das tabletas, etc. 

• Que se rexistren os tempos de desprazamento fóra do centro de traballo de destino. 

• Que se rexistre o tempo de traballo fóra da xornada pactada por reunión, o dos cursos ou o dedicado a cumprir os obxectivos. 

Foi a patronal quen abriu o proceso de negociación, así que agardamos que negocien de boa fe e que o vindeiro 9 de maio poñan por riba da mesa unha proposta que inclúa o rexistro. Caso contrario, debería abrirse un conflito laboral; a fraude da xornada aféctanos individualmente, pero tamén afecta as arcas da Seguridade Social e resulta insultante ante as altas taxas de desemprego. 

Se os bancos queren defraudar á Seguridade Social e aos parados e paradas, os sindicatos deberemos denuncialo na rúa. 

Galiza, 19 de abril de 2017

Comentarios