Convenio: Cobrar só por venda feita

As Direccións permanecen inamovibles na súa posición intransixente, pretendendo reducir bruscamente os nosos salarios fixos, e cun paquete de medidas que pretende impoñer o sistema de traballo por obxectivos. Coa desaparición dun 30% do salario fixo e da carreira profesional, perseguen pagarnos un mínimo e o resto en base ás vendas realizadas, segundo o tradicional modelo dos traballos comerciais. 

Para xustificar a súa actuación avarenta, falan da “situación económica”, sen que saibamos a que se refiren, se lembramos as recentes subas dos salarios das altas Direccións e dos Consellos de Administración e do incremento dos beneficios empresariais. No fondo estamos ante un problema de reparto de rendas, os de arriba queren mais a nosa costa. 

Pero a prepotencia patronal non acaba no seu intento brutal de rebaixa de salarios e dereitos, a ACARL argumentou que un Convenio Sectorial que fose aceptado pola parte sindical, podería non ser do agrado dalgunha empresa que podería descolgarse (ao abeiro das nocivas reformas laborais do Pp). Certamente algunha entidade, como Abanca, xa se descolgou, incluso de xeito preventivo e non aplica parte do futuro Convenio (co visto bo dalgúns sindicatos). 

Non compartimos tampouco algunha das cuestións expresadas por algún sindicato na mesa. Houbo quen dixo que podería aceptar o incremento da mobilidade xeográfica a cambio de creación de emprego, demostrando un escaso coñecemento da xestión dos recursos humanos, o que é preocupante por parte de quen pretende “liderar” a negociación dun Convenio Sectorial. A mobilidade xeográfica permite cubrir un maior número de centros de traballo, con menor cadro de persoal, destruíndo emprego. 

En definitiva, a patronal non mudará de opinión de por si, por iso a CIG xa iniciou as mobilizacións no sector e continuaremos na rúa tal e como temos anunciado.

Comentarios