Ameazas e Plan "Mas", reunión coa empresa

Ante as continuas queixas que recibimos polos continuos abusos e polas consecuencias laborais do “Plan Mas”, solicitamos unha reunión con Comercial e Capital Humano, que se celebrou o 30 de setembro coa presenza dunha persoa do Plan Mas. 

 Comezamos denunciando a presión desmedida e inxustificada que se estaba a practicar, presión que xa se convertera en ameazas de traslados e despedimentos con frases de xefes de zona como ”na miña zona sobran 7”. Que estas ameazas viñan sendo reforzadas polos “controladores de persoal” que como única función principal teñen o amedrentar sistematicamente ao persoal, valorando, non sabemos de que modo, a “falta de compromiso” daquelas persoas que non se apuntaban “voluntariamente” a Abanca Seguros, ou as ameazas de traslado aos compañeiros e compañeiras que non cubrían o 100% do PAC a pesares de estar en ventaniña. Algúns destes traballadores e traballadoras solicitaron estar acompañados/as nestas visitas por un/unha representante sindical, pero lles negaron este dereito, polo que solicitamos que o persoal coñeza previamente a visita dos controladores, avisando en tempo e forma, respectando o seu dereito a estar asesorados polo seu/súa representante sindical. 

Denunciamos a carencia manifesta de persoal, con oficinas que teñen menos da metade dos traballadores e traballadoras que tiñan antes; carencia agravada pola falta de substitucións. Queixámonos do cambio na programación dos retardos de aperturas matutinas das caixas, ás 7 da mañá, para obrigar a que se acuda antes ás oficinas para que dea tempo a cargar caixeiros e dispositivos. Unha mala solución aos problemas xerados pola ampliación do horario ao público. Tamén denunciamos as presións para traballar de balde unha tarde máis da que toca e das queixas sobre todo das compañeiras que son nais polo trastorno familiar que provoca. Frases como a dun territorial que lle espetou a unha compañeira que: “Los niños que los cuiden los abuelos que para eso están” ou dun zona que contestou a unha nai: “Un niño de 6 años ya no necesita a su madre”, demostran a falta de aptitude e as actitudes machistas dalgúns xefecillos incompetentes. 

Pedimos que non se convoquen comités de oficina ou calquera outro tipo, nin a primeira nin a última hora, xa que provoca unha prolongación da xornada. A representación da empresa dixo que vía lóxico o non facer as reunións a última hora cando temos as tardes para facelo. INSISTIMOS, como xa se reiterou en decembro, que o traballador ou traballadora ten dereito a ter un control horario para poder medir o tempo de traballo E QUEREMOS QUE SE IMPLANTE. A empresa di que a zona de Vigo sigue tendo excedente de persoal, pero o resto non. Di que remataron os despedimentos xustificados en base a un “exceso de persoal”. 

 Sobre o Plan Mas, defenderon as súas bondades, cando nós só falamos das súas consecuencias laborais. Dixemos que o Plan é inaplicable pola carencia de dotación nas oficinas e a empresa compartiu a nosa visión. Dixemos que provoca, como no pasado nas axendas, que a xente se dedique a maquillar as cifras e non aporte produtividade. E que tal e como se transmite, as ameazas só provocan depresións, ansiedade e medo, o que leva a petición xeneralizada de saídas da empresa. 

Insistimos, por último, en que o persoal de ventaniña e o persoal compartido entre oficinas, non pode ter obxectivos e pedimos que se aplique unha solución parecida a que pactamos no pasado en Caixa Galicia, quedando exentos de PAC’s, “Mas” e do resto de obxectivos.

Comentarios