Cada día póñenche máis obxectivos, maior carga e ritmos de traballo e non te chega o tempo?

A CIG non está atada polo acordo estatal entre patronais e sindicalismo centralista, coñecido como AENC-2015. O recollido nese acordo, non só a contención salarial, senón o compromiso para implantar unha maior flexibilidade interna, pode que contribúa a que outras organizacións acheguen posicións no convenio, pero está nas antípodas do acordo que precisamos.

Seguimos insistindo en que o maior problema non é horario de Bankia, senón a flexibilidade que demanda toda a patronal. Pretende afondar nas vellas políticas comerciais que provocaron un sufrimento aos cadros de persoal, á clientela e á sociedade en xeral. Preferentes, subordinadas, cláusulas chan, swaps, etc., non poden repetirse, pero un acordo que permita implantar o “traballo por obxectivos” sentará as bases para novos escándalos.

Falar de “flexibilidade” significa implantar un sistema de “traballo por obxectivos”, teremos cada día unha maior presión para colocar produtos que a clientela non demanda. Ás empresas, que marcan obxectivos crecentes e inalcanzables, que marcan ritmos de traballo asfixiantes que están na orixe de numerosas enfermidades, non lles importa o horario. Queren que cumpramos eses obxectivos disparatados. O tempo que tardemos en facelo é o noso problema. Total, nin pagan nin pagarán as horas extras.

Esa é a triste realidade da “flexibilidade”, explotación pura e dura. Por todo isto seguimos defendendo a nosa plataforma inicial, que foi creada para abordar os problemas que sufrimos os cadros de persoal polas políticas comerciais. Vindeira reunión o 10 de xuño.

Galiza, 27 de maio de 2015

Comentarios