No ano 2004 as Direccións puxeron en marcha un cambio organizativo e comercial que, dende un punto de vista laboral, foi posible polos cambios que pactaron no Convenio 2004. Finalmente, aquel modelo de xestión levou a maior parte das Entidades á quebra.
É preciso rectificar as medidas establecidas naquel convenio, primando o servizo ao público e á clientela, fronte ás políticas comerciais que consisten en obrigar ao persoal a colocar produtos financeiros que a clientela non demanda.
Para a CIG, esa debe ser a pedra clave do novo Convenio, e é por iso que incluímos na nosa plataforma medidas para eliminar a mobilidade funcional e para crear un subgrupo de Técnicos/as e un subgrupo de Administrativos/as dentro do Grupo I. Queremos ademais que se estableza un catálogo de postos, para determinar claramente e sen ningún tipo de dúbidas quen pode asesorar e vender produtos á clientela.
En anteriores Convenios reclamamos a redución da fenda salarial entre niveis. Alegóusenos por parte da ACARL que a diferenza salarial no sector non era tan grande como diciamos. Despois vimos como gran parte dos escándalos que rodearon a quebra das Caixas tiveron que ver coas infames retribucións das altas direccións. Tiñamos razón e a temos, por iso reclamamos de novo unha suba salarial lineal.
Ademais, parte dos problemas relacionados cos salarios das altas direccións, tiveron que ver especialmente coas retribucións variables. Agora non o di só a CIG, hai un consenso xeral que levou á aprobación das normas da EBA sobre retribucións no sector financeiro, unha norma de mínimos. Por iso defendemos prohibir as retribucións variables asociadas a vendas e obxectivos.
Volver a un horario común sectorial e a recuperación de poder adquisitivo completarían as bases para chegar a un acordo que puidera ser asinado pola CIG.
Próxima reunión o 4 de maio.
Comentarios
Publicar un comentario