Convenio Colectivo: A patronal acostumada a cesión nas empresas, ven dura

As negociacións de todos os Convenios de carácter estatal, están paradas a expensas do que denominan “Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva”, que negocian dun xeito excluínte os sindicatos centralistas e as patronais con sede en Madrid. Nese senso, xa houbo unha cesión previa por parte de CCOO e UGT que afectará a todos os Convenios, incluídos o noso: os salarios non subirán en consonancia coa suba do custe da vida. Unha decisión inxusta, que ademais dende un punto de vista macroeconómico lastrará o consumo e a demanda interna polo tanto a reactivación económica. 

Malia que a negociación do Convenio Colectivo da antigas Caixas, non avanzará dun xeito cuantitativo ata que non se peche ese “Acordo Interconfederal”, na reunión da mesa negociadora do Convenio marcáronse as posición que cada quen defenderá durante a negociación. 

A patronal está crecida, basicamente polo marco normativo creado polas sucesivas reformas laborais, pero tamén polas continuas cesións dos sindicatos (CCOO, UGT, CSICA) a nivel de empresa. Deste xeito, a ACARL explicou que pretende modificar totalmente o Convenio, recortando con carácter xeral as condicións laborais, algo que non deixa de ser habitual no inicio de calquera negociación. 

Pero desta volta a febleza sindical é un mal augurio, non resulta crible que os sindicatos que aceptaron por exemplo a apertura polas tardes en varias empresas, incluída Abanca, pretendan agora defender a nivel sectorial o horario de 8 a 15 horas; o mesmo sucede coa antigüidade, os salarios ou os plans de pensións. 

Dende a CIG, fronte a intención de recortar as condicións laborais no sector, defendemos a negociación colectiva como un instrumento válido, tamén para a recuperación poder adquisitivo. Neste senso seguimos apostando por un Marco galego de negociación colectiva. Os traballadores e traballadoras asumimos a peor parte na quebra das Caixas, temos dereito a participar activamente na recuperación. Os nosos salarios deben subir garantindo o poder adquisitivo perdido, non caben novos recortes. 

A xornada de traballo debe estar regulada a través do Convenio, doutro xeito estaríamos ante un acordo carente de contido. Os bancos nacidos das Caixas, rescatados con diñeiro público (ou que se fixeron con outras Entidades rescatadas) teñen unha obriga coa sociedade, poden e deben contribuír a xerar emprego a través da implantación da xornada de 35 horas cun horario de luns a venres de 8 a 15 horas. 

Por último, é preciso lembrar que as Caixas quebraron debido a un cambio de modelo de xestión e organización, facilitado no laboral polo Convenio Colectivo 2004 (asinado por CCOO-UGT-CSICA) que implantou un só grupo profesional dividido en niveis salariais con mobilidade funcional sen límites. Un modelo que facilitou a implantación dunhas políticas comerciais agresivas (estendendo a obrigatoriedade de vender produtos a todo o cadro de persoal; a implantación de obxectivos individuais, etc.). Esas son as vellas políticas que quebraron as caixas e arruinaron a milleiros de clientes e clientas, as políticas que deben ser removidas.

Comentarios