Hai que traballar máis e cobrar menos (Díaz Ferrán)



A CIG non asinou o Expediente que amplía a xornada con carácter xeral, implanta o horario estendido/flexible para máis de 1.000 persoas e que, ademais, contempla un recorte nas condicións laborais, nomeadamente nos salarios.
Os sindicatos argumentamos dende o 2 de decembro que as causas alegadas pola empresa NON existían; quen finalmente cederon son quen deberían dar unha explicación. Nós deixaremos de lado a propaganda e o explicaremos dun xeito realista.
Despedimentos, reducións de xornada e salarios, horario estendido.
Aparentemente, a Dirección da Entidade “cedeu” deixando de aplicar algunhas das medidas contempladas no Expediente de Despedimentos Colectivos 32/2013 (ERE IV). Nada máis falso.
Despedimentos: En primeiro lugar, tal e como advertimos dende o mes de xuño de 2014, era preciso coñecer as modificacións do Plan de Reestruturación aprobado por Bruxelas, que marcaba un novo número máximo de traballadores/as.
No plan do 2013 eran 3.334 ftes; a Comisión Europea non publicou o novo número, pero dixo que estaba situado entre 4.000 e 4.500.
Se a empresa elimina os “despedimentos forzosos”, é porque hoxe estamos por baixo do número máximo de traballadores/as autorizado por Bruxelas. Tal e como denunciamos, os últimos despedimentos eran innecesarios, responderon a unha dinámica de represión en pleno proceso de eleccións sindicais. Por certo, cando houbo despedimentos, semella que só lle importaron á CIG, fomos os únicos que saímos á rúa para denuncialos.
Que esteamos incluso por baixo do número de traballadores/as autorizado por Bruxelas, explica tamén que a Dirección teimara en eliminar o “complemento 21 pagas” para o persoal de nova entrada, xa que prepara un paquete de novas contratacións temporais a partir de marzo.
Reducións de xornada e salarios: Non aplicarán reducir xornada e salarios como estaba previsto, conseguiron o contrario: reducir os salarios incrementando a xornada; saíron gañando. O certo é que RRHH sempre indicou que non era posible reducir xornada e salarios, xa que colapsaría a rede de oficinas.
Horario Estendido: Entendemos que, para a xente que padeceu esta medida, poda parecer que o acordo ten unha parte positiva. O certo é que o ERE 32/2013 fixaba un máximo de 590 persoas ás que se lle podía aplicar este horario; agora, co novo Expediente, o número de persoas con horario flexible poderá ser superior as 1.000 persoas.


Novos horarios.
Hai un debate a nivel do Estado Español, xa que é un dos países da UE con maior número de horas traballadas ao ano, pero cunha produtividade baixísima. Incrementar a xornada laboral non incrementa a produtividade, estamos ante un axioma falso e caduco, afastado da realidade europea.
Precisamente, a Comisión pola racionalización de horarios, nos seus informes insiste nesa idea e son moitas as empresas que implantan a xornada continuada (que tiñamos nós) ou a xornada europea. Por iso a CIG defendeu a racionalización de horarios, non a ampliación sen sentido.
Nós pensamos que esta torpeza da Dirección de Abanca é tremendamente preocupante, afástanos dos horarios actuais das grandes empresas europeas para achegarnos aos horarios das pequenas empresas españolas (pouco produtivas) ou incluso das empresas doutros lares.
Co Expediente, con carácter xeral se amplía a xornada laboral, incluíndo unha nova tarde semanal no horario de inverno ata as 19:00 horas.
Ademais, o que a empresa denomina “horario flexible”, é unha xornada irregular estendida, sen as garantías mínimas previstas na lexislación. Non haberá un sistema de control horario, nin de rexistro das horas realizadas; o persoal non coñecerá con antelación o seu horario diario, dado que dependerá das citas que fixe a empresa. Supón a legalización das horas extras ilegais, máis alá do máximo legal, non retribuídas, nin cotizadas.
As máis de 1.000 persoas ás que se lles aplique, recomendámoslles levar un rexistro propio diario, semanal e anual das horas realizadas.
Redución de salarios.
Trienios: Os novos trienios redúcense nun 35%, toda vez que só se cobrarán en 12 pagas. A empresa consigue aplicar agora a coñecida como “sentencia Unicaja”, unha sentencia da Audiencia Nacional do ano 1992!!
Plan Pensións: Tal e como advertimos, no ERE 32/2013 contemplaban unha redución das achegas futuras, máis alá do período de reestruturación. O acordo de novembro foi un paripé en pleno proceso electoral.
Agora non realizan achegas, pero ademais se comprometen a novos recortes no futuro (malia que poidan non estar avalados por “malos resultados económicos”).
Complemento 21 pagas: A supresión para o persoal de nova entrada, ten coma obxectivo abaratar as novas contratacións temporais previstas para este ano, ao tempo que se mantén aberta a saída de indefinidos/as ao abeiro do Expte. 32/2013.
Seguro Saúde: Este seguro foi implantado pola Dirección das Caixas, despois de estudos internos que demostraban que había unha diminución significativa na duración das baixas e, polo tanto, un aforro incluso superior nalgún caso ao custe do propio seguro. Agora, botándolle morro, traspasan ao persoal o 50% do custe do seguro.
Plus Convenio parte variable: O Plus Convenio naceu para retribuír a mobilidade funcional (pola cal poden obrigar ao persoal entre os niveis VIII e XIII a “vender” e ter “obxectivos”). A mobilidade funcional mantense, pero a empresa non pagará. Incluso se futuros convenios contemplan ese plus, a empresa non pagará, malia que podan desaparecer as “causas económicas” que “motivan" o actual expediente.
En definitiva estamos ante un acordo que lembra a frase escandalosa de Díaz Ferrán, daquela máximo dirixente da Patronal e actualmente en prisión: “Hai que traballar mais e cobrar menos”.
Un novo Expediente que non sería posible sen aplicar a reforma laboral co visto bo de CCOO, CSICA e UGT.

Comentarios