Intervención da CIG na reunión do 4 de decembro



Na reunión do 4 de decembro a empresa rachou unilateralmente a negociación informal establecida no Convenio, para entrar no período legal de 15 días a partir dos cales podería aplicar medidas. Achegámos a que foi a nosa intervención na Mesa, recollida como anexo á acta.

Primeiro: Consideramos que a redacción da acta debería realizarse por unha persoa distinta da avogada externa que asesora á empresa (e que non figura na mesma), xa que entendemos que a redacción é sesgada e parcial, cando non maliciosa. 

Segundo: A empresa está baleirando de contido o período informal previsto no convenio, non facilitou ningún documento que especifique as causas económicas alegadas. Non cuantificou o aforro previsto, nin cuantificou a suposta melloría prevista para a empresa, impedindo que podamos presentar medidas alternativas si fose necesario. (Neste senso puxemos coma exemplo a que a representación sindical non coñece o número de persoas que cobran complementos persoais derivados dos acordos dos Consellos de Administración do 18/10/2010; nin a cuantía dos mesmos, polo que dificilmente podemos avaliar o seu impacto).

Terceiro: Entendemos que están incluíndo como modificación substancial medidas que supoñen a inaplicación do Convenio Colectivo, nomeadamente en materia de xornada laboral e horarios. Rachando na práctica cos horarios establecidos no Convenio Colectivo Sectorial con carácter xeral e para todo o cadro de persoal.

Cuarto: A intención de cambiar o horario foi anunciada pola nova Dirección de NCG banco, S.A. na reunión mantida coa representación sindical o 21/1/2014. Así mesmo na Convención con todo o cadro de persoal celebrada o 21/6/2014 a Dirección anunciou que procedería a un cambio de horario. Hai unha manifestación da intención de non aplicar o Convenio en materia de horarios con carácter previo á presunta existencia das causas alegadas. 

Quinto: Cabe lembrar que o pasado 7 de outubro de 2014, non fai nin dous meses, a Entidade asinou un acordo de integración dos Plans de Pensións coa representación sindical, que establecía unha achega do 4% para o persoal procedente de Caixanova e un 5% para o persoal procedente de Caixa Galicia. Entre as medidas formuladas por vostedes nesta mesa figura a redución das achegas a un 2,5%. Asinaron un acordo fai dous meses cando sabían que non o poderían cumprir?, actuaron de mala fe daquela ou actúan agora?.

Quinto:  En relación as supostas causas económicas, son descoñecidas para esta representación mais ala dunha suposta baixada da marxe de intereses e das comisión cobradas, alegadas verbalmente. Estas supostas baixadas non demostradas, de ser certas, non serían novas,  estariamos ante unha situación xa prevista, consecuencia da redución de volume de negocio (nomeadamente do activo) e das restricións comerciais previstas no Plan de Reestruturación aprobado pola Comisión Europea no ano 2012, que xa xustificaron un procedemento colectivo por parte da Entidade, o 32/2013, que aínda está vixente. 

Sexto: Entendemos que a representación sindical debería ter aceso ás modificacións completas do Plan de Reestruturación aprobadas este ano 2014 por parte da Comisión Europea (so coñecemos o resumo publicado pola propia Comisión Europea na súa web).

 Na propia publicación da Comisión Europea queda claro que elimina as restricións comerciais e incluso laborais  e sitúa claramente á Entidade nunha situación distinta da que supostamente xustificaría as medidas emprendidas pola empresa. A posibilidade de dar novos cretos (que levaría a incrementará a marxes de intereses, así como as comisión cobradas), ou o levantamento das restricións comerciais existentes ata este momento, terán un impacto que estará previsto no Plan de Negocio aprobado tamén pola propia Comisión Europea. As medidas propostas non son necesarias.

A  situación como empresa é  claramente distinta da prevista no Plan de Reestruturación do ano 2012, unha situación nova que non só non xustificaría o procedemento ao que estamos asistindo, si non que en xustiza debería levar ao peche do expediente 32/2013, “pacta sunt servanda rebús sic stantibus”.

Ante esta situación temos intención de convocar asembleas abertas de traballadores/as. A primeira terá lugar en Ourense o vindeiro 10 de decembro ás 17:30 horas no local da CIG (Rúa Parque de San Lázaro) 4 andar. Pedimos disculpas de antemán ás persoas con horario estendido.

Comentarios