A empresa continua despedindo, non son despedimentos disciplinarios, son despedimentos en aplicación do ERE. Seleccionan a xente afectada en base ao criterio de “idoneidad para el puesto”, así sen mais. Que ninguén recorra ao “algo faría”, son despedimentos inxustos, a dedo, para “cubrir” o total de “excedente” do ERE pactado con CCOO, UGT e CSICA.
Os compañeiros e compañeiras que están perdendo o seu posto de traballo o están pasando mal, sempre supón unha traxedia, nomeadamente cando hai persoas ao cargo e sobre todo cando non fixeches nada malo.
Alguén da Dirección decidiu que fosen eles, pero podía ser calquera de nos.
Os afectados e afectadas non se merecen un linchamento público por parte de persoas que fan correr ruxe-ruxes para quedar ben cos xefes.
Hai despedimentos todas as semanas, practicamente en todas partes. En agosto trasladaron persoal de Pontevedra para a Coruña alegando que sobraba persoal no sur e faltaba na Coruña. Agora despediu persoal na Coruña.
Que fan o resto de sindicatos cando despiden incluso a afiliados/as seus?. Non fan nada, como moito saen nos medios dicindo que “confían” na Dirección (CCOO-UGT-CSICA).
Nos seguimos dando a batalla fronte aos despedimentos inxustos e pola readmisión de persoas coma Luis Encinas, un compañeiro que está demostrando a súa dignidade defendendo o pan dos seus 3 fillos.
Seguiremos apoiando a Luis mentres el queira. É a nosa obriga como sindicato defender con honradez e honestidade os postos de traballo.
Por iso concentrámonos na Xunta de Accionistas de Abanca o 6 de outubro e seguiremos coas mobilizacións nos vindeiros días. A empresa despide inxustamente e queremos que deixe de facelo.
Comentarios
Publicar un comentario