A CIG entrega á fiscalía a documentación na que se recollen presuntas irregularidades da familia Méndez
O secretario xeral
da CIG, Suso Seixo e o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, presentaron o venres na fiscalía os documentos nos que se recollen datos con presuntas
irregularidades da familia Méndez. A CIG agarda que a partir de aquí se abra un
procedemento penal e que se investiguen estes feitos.
Antes de facer
entrega de toda a documentación, o secretario xeral da CIG explicou que dado o
alcance dos datos recollidos na documentación que chegou á central sindical,
esta entendeu que as operacións que aparecen nos papeis reflectidas poderían
ser delitivas. Lembrou ademais que por parte da familia e segundo aparece
publicado hoxe mesmo en varios medios, houbo un recoñecemento de que as
transaccións ás que aluden os documentos, referidas á compra venda de patrimonio
que pertencía á corporación Caixa Galicia, por parte da muller do director
xeral da entidade, son certas.
A isto engadiu que
é especialmente grave que as compras, segundo figura nos documentos, se fixeran
por debaixo do valor de taxación dos bens e considerou que, polo tanto, “podería
haber un delito contra o propio patrimonio da corporación Caixa Galicia”.
Por iso, explicou “vimos
presentar un escrito diante da fiscalía para que se abra o procedemento penal
que esta estime e que non se deixe isto sen pasar polo xulgado”
Para o secretario
xeral da CIG é máis grave aínda que estas operación coincidiran ademais nun
momento moi delicado para as caixas que levou á súa fusión e nun momento no que
se estaban vendendo preferentes e enganando claramente a preferentistas sabendo
cal era a situación destas entidades. “Que neste contexto haxa unha apropiación
por parte da familia Méndez de todo o que era patrimonio das caixas por debaixo
do valor real parécenos que é escandaloso,
inmoral e delitivo”.
Seixo lembrou tamén
que a documentación refírese á compra de locais comerciais, pisos e demais por
parte da muller de José Luís Méndez e inclúen datos da taxación ou rexistros da
propiedade, entre outros, “probas que levarían a pensar que isto efectivamente se
fixo e que mesmo fontes da familia xa terían confirmado”.
Comentarios
Publicar un comentario