A CIG rexeita o diálogo social emprendido por CCOO e UGT co goberno e que supón avalar todas as políticas do PP
A
CIG considera que a apertura do diálogo social e a sinatura dun
documento conxunto entre o goberno, CCOO, UGT, CEOE e CEPYME supón
por parte destes sindicatos avalar tanto as políticas do PP destes
últimos anos, como as futuras, e dar un “cheque en branco” ao
goberno para aplicar as medidas ditadas pola troika e a UE que foron
as que nos levaron a esta situación. Ante isto a CIG denuncia o
“entreguismo” dos sindicatos españois e a súa renuncia a
reclamar os dereitos laborais e sociais perdidos pola clase
traballadora trala imposición das reformas laborais e sucesivos
recortes aplicados durante este período.
Tras
sete anos de crise, de reformas laborais que provocaron a masiva
destrución de emprego, un brutal incremento da precariedade laboral,
a rebaixa xeralizada dos salarios, o aumento da temporalidade e a
expulsión de miles de mozos e mozas á emigración, así como de
políticas económicas que supuxeron un recorte brutal no
investimento público, o afogamento dos sectores produtivos e un
retroceso sen precedentes do sector público, dos servizos sociais,
da sanidade pública e do ensino, entre outras, CCOO e UGT sentan a
negociar co goberno do PP e a patronal e asinan un “Acordo de
Propostas para a Negociación Tripartita para fortalecer o crecemento
económico e o emprego”.
Un
acordo do que se tira non só que estas organizacións sindicais
españolas asumen ao completo o modelo neoliberal consagrado pola UE
senón tamén todos e cada un dos seus principios, a comezar polo
déficit cero, asegurando que comparten “a necesidade de combinar
políticas que fagan sostíbeis as contas públicas xunto con
políticas de impulso da actividade económica e o investimento
produtivo”.
Un
modelo que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denuncia que foi
“fielmente executado polo Partido Popular e que agora veñen apoiar
CCOO e UGT, que o fan ademais nun contexto no que desde ese goberno
de dereita reaccionaria se están a recortar as liberdades públicas
con reformas como a do Código Penal ou da Lei de Seguridade Cidadá,
que teñen como principal obxectivo precisamente reprimir a
mobilización social para que non se poñan en cuestión esas
políticas”.
Para
a CIG o documento destila hipocrisía, tanto por parte do goberno
como por parte deses sindicatos, é un canto ao españolismo e ao
centralismo e serve ademais para avalar, desde as primeiras liñas, a
versión do PP de que se está na “senda da recuperación
económica”. Unha recuperación que a CIG considera falsa porque
“as traballadoras e traballadores galegos seguen a sufrir un
empeoramento das súas condicións laborais, salariais e de vida,
mentres medran os beneficios das grandes empresas, de especuladores e
banqueiros”, sinala Seixo.
A
CIG entende que do momento no que non se recolla mención algunha ás
políticas impostas polo PP durante estes anos estase, de forma
implícita, a validalas e mesmo a aceptalas, desde as reformas
laborais até a das pensións pasando pola reforma da negociación
colectiva, a nova lei de mutuas e mesmo a reforma do IRPF que se vén
de aprobar e que prexudica a progresividade castigando máis as
rendas baixas que as altas.
Plan de explotación xuvenil
Do
texto dedúcese ademais que o plan de emprego xuvenil, aprobado por
Real Decreto polo Consello de Ministros do pasado 4 de xullo e que a
CIG cualificou como “plan de explotación e emigración xuvenil”,
é resultado das negociacións entre sindicatos, patronal e goberno
iniciadas en febreiro de 2013.
Un
plan do que a CIG denunciou ademais que afonda en modalidades de
contratación que favorecen a explotación da mocidade e que van
provocar que a súa única alternativa, para buscar unhas condicións
laborais máis dignas, siga sendo a emigración. Isto alén de
garantir novas vías de subvención ás empresas ao introducir máis
bonificacións á contratación.
A
CIG considera ademais que a medida estrela anunciada onte pola
ministra de Emprego Fátima Báñez ao remate da xuntanza con
sindicatos e patronal e que aparece recollida no documento é “un
parche”. Esa medida prevé a creación dunha axuda para os cabezas
de familias que teñan todos os seus membros en paro e non reciban
ingresos laborais, e que se calcula que son unhas 500.000 persoas.
Unha
axuda que para a CIG non soluciona o problema real de pobreza e
exclusión social que sofren miles de persoas en Galiza. Neste
sentido, a central sindical lembra que, segundo os últimos datos da
EPA, no noso país hai 93.700 fogares con todos os seus membros
activos no paro. E non só iso, un total de 118.100 persoas, o 42% de
desempregados/as leva máis de 2 anos en situación de desemprego e
xa non ten ningún tipo de axuda. Un colectivo que non deixa de
medrar pola ausencia de políticas que favorezan unha recuperación
económica real e que garantan o apoio aos sectores produtivos para
que se cree emprego de calidade e estábel.
Outro
modelo é posíbel
Fronte
os acordos que se recollen no documento asinado ao abeiro dese
chamado diálogo social, a CIG defende a necesidade de pór en marcha
con carácter urxente as medidas recollidas na ILP en materia de
política industrial, financeira, fiscal, I+D, infraestruturas,
laboral ou de servizos públicos, entre outras.
Por
todo isto denuncia que detrás deste acordo o que hai é unha
“aceptación” e un “entreguismo” de CCOO e UGT a toda a
política do goberno que con dureza se vén aplicando e unha renuncia
explícita a reclamar os dereitos usurpados á clase traballadora. Un
comportamento que entende que é simplemente inadmisíbel por parte
de calquera organización sindical que debe ter como único fin a
defensa dos intereses das e dos traballadores.
Lembra
que do diálogo social non vai vir nin a recuperación económica nin
de dereitos, afirma que deses acordos non vai saír nada útil para a
clase traballadora galega e entende que a única interlocución
posíbel con este goberno ten que ser para pedir a súa dimisión e
exixir pola vía da mobilización social un cambio radical da
situación.
Comentarios
Publicar un comentario