O problema non é a ultraactividade, a patronal quere que traballemos todas as tardes

Fomos a reunión do 14 de xaneiro coa intención de poder falar do contido do convenio, agardando non volver a unha nova reunión monográfica para falar da ultraactividade. Malia que non se fale, o escollo principal na negociación do Convenio non é a ultraactividade, senón a intención da patronal de implantar o horario de apertura todas as tardes. 

Os horarios que conseguiron nalgunhas empresas a través de Expedientes Colectivos, ten carácter temporal e, polo tanto, excepcional. Pero abriuse unha porta e agora as empresas queren levar os horarios de tarde ao convenio para consolidalos como norma. Esa é a realidade, por moito que algúns sindicatos non se decaten e só falen da ultraactividade e de “sisudos” estudos xurídicos. O que quere a patronal é que traballemos mañá, tarde e noite. 

Cabe preguntarse, por que se as tardes son tan rendíbeis non propoñen contratar persoal específico para unha nova quenda? A parte do horario e continuando coa reunión do 14, a CIG solicitou no seu día datos desagregados por xénero, relativos ás categorías profesionais (niveis salariais) e por bandas de ingresos (a patronal di non saber o que son bandas de ingresos). Queriamos coñecer a realidade sectorial e poder valorar os distintos recortes propostos polas empresas. Pese a que os datos recibidos foron incompletos, demostran que hai unha clara discriminación indirecta das mulleres, nas súas oportunidades de carreira profesional e polo tanto nos salarios. Nomeadamente nos postos a partir do nivel VIII, que son de libre designación. 

Pensamos que as propostas da CIG en materia de carreira profesional e salarios, permitirían corrixir esta discriminación; as presentadas por ACARL, agrandarían a fenda. Neste senso solicitamos que retiren a súas propostas e se aveñan a negociar sobre as nosas, para que as mulleres teñan as mesmas oportunidades e os mesmos salarios que os homes. 

O resto de medidas que pretenden, como a conversión de salario fixo en variable ou a liberalización de horarios tamén deberían ser retiradas. O modelo de organización do traballo que pretenden implantar favorece claramente a mala praxe comercial. Que coloquemos á forza produtos que a clientela non demanda está mal e que o convenio se converta na panca que o permita, coa aceptación sindical, está peor. 

Deberían mirar cara atrás e ver as consecuencias que pagamos os traballadores/as, a clientela e a sociedade en xeral (certo que as Direccións con carácter xeral non pagaron as consecuencias e ninguén escarmenta en carne allea). 

Deberían mirar ao futuro, non é posible que aposten por remuneracións variables, pola política de competencia entre os traballadores/as, cando dende a EBA (máxima autoridade bancaria europea) se prepara unha nova normativa que choca coas propostas da ACARL na mesa. Señores das Direccións miren ao século XXI, deixen de mirar ao XIX. 

Por último, dicir que no Convenio da Banca privada a AEB-CCOO-UGT teñen un preacordo que contempla todos os recortes propostos no Convenio de Aforro pola ACARL, agás os horarios. Esa é a batalla. Galiza, 14 de xaneiro

Comentarios