Comunicado censurado pola Dirección.

A empresa négase a implantar un control horario. Imos á Audiencia Nacional

Na mediación no SIMA, preceptiva á presentación dun Conflito Colectivo, a empresa negouse a rexistrar a xornada efectiva de traballo e das horas extras, polo que o seguinte paso é que a CIG presente na Audiencia Nacional a demanda de conflito colectivo. A Godino, a avogada de Sagardoy que representou á empresa na mediación, dixo que estudan un posible cambio na apertura de caixas (actualmente só 15 minutos). Pero non foi posible chegar a un acordo, polo que será a xustiza quen teña a última palabra. 

Admitirá a xustiza española que unha empresa non rexistre a xornada laboral nin as horas extras, permitindo que se perpetúe unha fraude laboral? 

Permitirán os maxistrados/as da Audiencia Nacional que unha empresa non pague as horas extras, non as cotice á Seguridade Social, nin tribute por elas a Facenda? 

Ditarán os xuíces/xuízas unha sentenza que diga que se pode incumprir a xornada laboral máxima, que unha empresa poda obrigar a facer horas extras (por Lei son voluntarias) e que se fagan máis de 80 anuais (límite máximo legal)? 

Abanca pensa que si, que lle darán a razón. Para iso contratou ao despacho externo “Sagardoy” (os avogados/as que redactaron a reforma laboral), para tratar de conseguir unha sentenza inxusta. 

Convenio: Os sindicatos debemos dar a cara contra a patronal. 

O que vivimos día a día nos postos de traballo é inxusto, coma inxusto é que aínda por riba, as Direccións pretendan recortarnos salarios. Pagar menos por máis traballo. As cousas non cambiarán por si soas, é preciso contestar cada golpe, denunciar cada abuso, combater cada recorte. Dentro do banco mandan eles, pero a rúa é nosa e por iso, o pasado 13 de novembro saímos de novo á rúa. 

As patronais do sector financeiro preparan unha nova reconversión, pretenden desfacerse de milleiros de traballadores e traballadoras. Ademais, a consecuencia será unha maior carga de traballo para quen queden, e haberá unhas poucas contratacións de persoal novo en peores condicións. Por aí van os tiros na “Negociación do Convenio”. As patronais puxeron por riba da mesa as súas pretensións, e só se fala do que eles queren: despedir máis, explotarnos máis e precarizar máis. 

As Direccións mandan nas empresas, pero non deberían mandar nos sindicatos. Moitas veces, os traballadores e as traballadoras non teñen máis opción que calar e tragar, pero os sindicatos temos a obriga de dicir NON fronte aos abusos. 

Por iso nos manifestamos por Ourense, concentrándonos en Caixabank, Caixa Geral, Pastor-Popular, Santander, BBVA e Abanca. Non cederemos. A CIG non será cómplice das patronais.

Comentarios