Posición da CIG ante a proposta de concentracións conxuntas.

O resto de sindicatos presentes no Convenio de Aforro, fixéronnos partícipes da súa intención de convocar concentracións. Trasladámoslles uns puntos que permitirían a nosa participación nas mobilizacións conxuntas: 

O bloqueo na negociación no sector financeiro, os problemas comúns que sofren os cadros de persoal e a nova reestruturación que pode aveciñarse, froito da concentración e fusións que impulsa o Goberno Central, fan necesaria una resposta conxunta a nivel de todo o sector financeiro, non só a nivel do Convenio de Aforro. 

Calquera actuación conxunta debería ter uns obxectivos mínimos claros, que supoñan un compromiso para todos e todas, e que deberían ser coñecidos e ratificados polos cadros de persoal. A modo de exemplo, hai posicións sobre a mesa, realizadas por algún sindicato, que non compartimos. Sendo lexítimo manter posicións distintas, deberiamos unificar criterios para aclarar qué defendemos e que os cadros de persoal saiban porqué se mobilizan. 

Non caben negociacións á marxe da Mesa Negociadora e que habitualmente substitúen a esta. Ese tipo de negociacións só xeran división sindical e favorecen á patronal. Entendemos que debe haber luz e taquígrafos, por hixiene democrática e para incentivar a participación. 

Habería que deseñar un calendario de mobilizacións que debería ser aprobado polos traballadores e traballadoras a través de asembleas. Debería incluír a data da convocatoria dunha folga sectorial, co obxectivo de deixar claro ás empresas que non estamos dispostos a seguir asistindo a unha mesa bloqueada pola súa intransixencia. 

 Debería existir o compromiso de facilitar a participación democrática dos cadros de persoal á hora de ratificar calquera posible acordo, como sucede en numerosos sectores. 

Ante a nova situación que parece abrirse no Estado español, desde a CIG defendemos, unha vez máis, a descentralización da negociación colectiva e das relacións laborais; as reivindicacións conxuntas deberían contemplar a posibilidade de negociar noutros ámbitos non estatais. 

Por último, non nos parece correcto conxurar a perda da ultraactividade do Convenio, que non está sobre a mesa. De ser certa, cabería preguntarse como outros sindicatos, coñecedores do perigo, permitiron chegar ao borde do abismo, sen facer nada durante meses. 

En todo caso á espera da contestación, mantemos o noso calendario iniciado en setembro e o vindeiro 21 de outubro mobilizarémonos en Caixabank, BBVA, Santander, Pastor, Abanca e Sabadell. G

Comentarios