Quilometraxe e dietas, así non hai acordo

Onte, 24 de novembro, tivo lugar unha nova reunión para negociar o pago de compensacións por desprazamentos. A empresa enviou previamente unha proposta, sen grandes novidades sobre a Norma Xeral publicada, o cal imposibilita o acordo ao incumprir a lexislación. 

A proposta  non recollía o pago de quilometraxe e dietas conforme ao convenio. Nela indicaba que quería pagar por debaixo de convenio a Xerente e Direccións de Territoriais (fórmula ambigua que podía dar pé a non pagar aos directores/as de oficinas). Nós insistimos que hai que diferenciar entre quen viaxa por decisión propia (alta dirección) e quen viaxa por orde dos seus superiores (traballadores/as) que debe cobrar por convenio. 

Podemos chegar a darlle prioridade ás viaxes en tren entre as cidades galegas, sempre e cando os horarios das reunións teñan en conta os horarios dos trens. Ante un escenario que nos levaría a continuar co conflito colectivo (o 30 de novembro vémonos de novo no SIMA en Madrid e o seguinte paso sería na Audiencia Nacional), a empresa dixo que faría 3 novas propostas o vindeiro luns. 

Convocaría a Comisión de Formación (tal e como tiñamos solicitado) onde tamén falaremos dos desprazamentos por este motivo. Presentará unha proposta dunha nova Norma Xeral de Viaxes, que debe cumprir o convenio, e unha proposta para Substitucións, que debe dar unha saída ás 18 persoas ás que lles foron modificadas as condicións individualmente.

Comentarios