Concentración 24: Se lle pedimos a xente que dea a cara, cando menos logo poderá decidir, non?

Gran parte das propostas patronais que todos e todas rexeitamos, están sendo aplicadas en Abanca polo acordo de decembro de 2014 (desregulación horaria, mobilidade xeográfica ata 50 km., ou o impago dos trienios). Resulta case insultante que os mesmos que pactaron mansamente aplicarnos iso aquí, fagan agora un chamamento para que nos mobilicemos cando lle queren aplicar o mesmo ao resto. 

CCOO, UGT e CSICA deberían explicar porqué cando Abanca propuxo aplicarnos esas medidas non se mobilizaron e as aceptaron, pero cando o problema é Bankia temos que saír todos e todas a toque de corneta a tomar as rúas. 

Malia todo, estabamos dispostos a mobilizarnos conxuntamente, pero cunhas premisas que xa lles trasladaramos en setembro do 2015: 

• Calquera proposta, medida e por suposto a ratificación de calquera acordo debería ser sometida a referendo dos cadros de persoal. 

• Calquera actuación conxunta debería ter uns obxectivos mínimos comúns. 

• Non vale negociar por “atrás”, creando división sindical. 

• Pediamos un calendario que debía ser aprobado polo persoal, que incluíse como remate unha folga sectorial. A situación actual demostra que estabamos acertados. CCOO, UGT, CSICA e CIC (ASCA), non contestaron as nosas propostas. 

Por iso a CIG, que se ten mobilizado en 30 ocasións polo noso Convenio, non acredita na mobilización do 24 de febreiro, non se lle pode pedir ao cadro de persoal que poña a cara e logo non contar con el.

Comentarios