Plan Más: traballo por obxectivos


Máis alá da palabrería habitual coa que se envolven agasallos velenosos, o que pretenden co “Plan Más” é afondar na implantación do que se denomina traballo por obxectivos: quero que me fagas este traballo e non me importa o que tardes en facelo, é o teu problema.

Non é máis que a continuación do horario flexible implantado polo pacto da vergoña do mes de xaneiro, a clientela non demandaba a apertura polo serán.  

Abanca busca impoñer un ritmo máis elevado, asignará obxectivos individualizados comerciais aínda maiores, desvincunlando estes dos horarios. Ti terás que chamar aos/ás clientes/as que che digan, co fin de colocar o mínimo de produtos que che esixan. Se fas 8, 9, 10 ou 15 horas diarias para cumprir o encargo dos teus superiores á Dirección dálle igual. 

Como levamos advertido ao longo da negociación do novo Convenio, a patronal teima en afondar no lesivo modelo comercial que padecemos persoal e clientela: presión sen límites para colocar produtos que a clientela non demanda. O Plan Más é un novo paso nese modelo. Quen racha o horario non é Bankia, é Abanca. 

O traballo por obxectivos, ten un grave impacto sobre a saúde laboral (estrés, depresión, ansiedade, dor de costas, de pescozo, etc.). Abanca tamén despreza a nosa saúde na procura do seu beneficio. 

Os traballadores e as traballadoras temos dereitos: a que o ritmo de traballo se adapte ás persoas, a que eses ritmos non afecten á nosa saúde, a que se estableza un horario que cumpra a lexislación, a que se establezan controis horarios e a que se retribúan as horas extras. Dende a CIG defenderémolos. 


Comentarios