A Comisión Europea investiga as axudas fiscais, incluídas as de Abanca.

A Comisión Europea recoñeceu que investiga si as garantías que concedeu o Estado Español aos activos fiscais diferidos, poden ser consideradas axudas públicas á banca, cabe lembrar que como aconteceu co rescate bancario as axudas públicas podan aparellar a obrigación de presentar un Plan de Reestruturación. 

En caso de que se consideren axudas públicas tamén cabe a opción de que a Comisión puidera chegar a obrigar a súa devolución coma aconteceu co Tax-lease do sector naval. 

Sempre advertimos que esas garantías poderían ser consideradas por Bruxelas como novas axudas públicas, agora está aberta unha investigación que como no caso do Tax-lease do naval pode durar anos. A burocracia europea é lenta pero imparable. 

En todo caso estas garantías son un espolio do público e da facenda pública que son utilizados como xustificación para levar adiante recortes sociais que os traballadores/as sufrimos coma o resto da cidadanía. Pero a nosa maior preocupación é o posible impacto que podería ter a decisión da Comisión sobre o emprego. Lembrade que ata o momento cada plan de reestruturación xustificou un Expediente de Despedimentos Colectivos que foi asinado polo triunvirato sindical. 

Dende a CIG estaremos vixilantes sobre a investigación da Comisión Europea e si fose preciso volveremos a Bruxelas coma fixemos no ano 2012 para defender os postos de traballo. Non hai alarma, pero si que é preciso ser conscientes do impacto da investigación aberta pola Comisión.

Comentarios