A CIG entrega á fiscalía a documentación na que se recollen presuntas irregularidades da familia Méndez

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo e o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, presentaron o venres na fiscalía os documentos nos que se recollen datos con presuntas irregularidades da familia Méndez. A CIG agarda que a partir de aquí se abra un procedemento penal e que se investiguen estes feitos.
 
Antes de facer entrega de toda a documentación, o secretario xeral da CIG explicou que dado o alcance dos datos recollidos na documentación que chegou á central sindical, esta entendeu que as operacións que aparecen nos papeis reflectidas poderían ser delitivas. Lembrou ademais que por parte da familia e segundo aparece publicado hoxe mesmo en varios medios, houbo un recoñecemento de que as transaccións ás que aluden os documentos, referidas á compra venda de patrimonio que pertencía á corporación Caixa Galicia, por parte da muller do director xeral da entidade, son certas.

A isto engadiu que é especialmente grave que as compras, segundo figura nos documentos, se fixeran por debaixo do valor de taxación dos bens e considerou que, polo tanto, “podería haber un delito contra o propio patrimonio da corporación Caixa Galicia”.

Por iso, explicou “vimos presentar un escrito diante da fiscalía para que se abra o procedemento penal que esta estime e que non se deixe isto sen pasar polo xulgado”

Para o secretario xeral da CIG é máis grave aínda que estas operación coincidiran ademais nun momento moi delicado para as caixas que levou á súa fusión e nun momento no que se estaban vendendo preferentes e enganando claramente a preferentistas sabendo cal era a situación destas entidades. “Que neste contexto haxa unha apropiación por parte da familia Méndez de todo o que era patrimonio das caixas por debaixo do valor real parécenos que é escandaloso,  inmoral e delitivo”.

Seixo lembrou tamén que a documentación refírese á compra de locais comerciais, pisos e demais por parte da muller de José Luís Méndez e inclúen datos da taxación ou rexistros da propiedade, entre outros, “probas que levarían a pensar que isto efectivamente se fixo e que mesmo fontes da familia xa terían confirmado”.

Comentarios