440 millóns de motivos para reclamar o peche do ERE

Durante o mes de agosto realizamos distintas mobilizacións para denunciar a aplicación discriminatoria do ERE, nomeadamente en materia de horarios; traslados e despedimentos. Os beneficios obtidos durante o primeiro semestre, 440 millóns de euros antes de impostos, ratifican que é inxusto seguir aplicando medidas traumáticas, esiximos o peche inmediato do ERE. 

Ao longo do mes de agosto a empresa apurou a aplicación de medidas traumáticas das contempladas no ERE IV, pechándose ademais ao diálogo de xeito permanente. Isto levounos a comezar un proceso de mobilizacións que continuará no mes de setembro. 

O 14 de agosto concentrámonos na OP de Vigo; fixemos numerosas pegadas de carteis por toda Galiza; e fixemos distintos reparto de comunicados ás clientas en oficinas do grupo. O realizado na Coruña propiciou unha reunión co Presidente da Entidade, sen que a día de hoxe tivéramos unha solución. Aínda por riba agora coñecemos os resultados do primeiro semestre. 

Unha empresa que tivo 440 millóns de beneficios en seis meses non pode pretender manter aberto un ERE, é inxusto. Dende o punto de vista social é un escándalo que a Entidade fose privatizada de xeito express polo FROB, negándose este a incluír garantías laborais, (daquelas augas veñen estes lameiros). Ao borde da prevaricación se temos en conta que venderon unha empresa pública capaz de xerar 440 millóns de beneficios en 6 meses, deixando unhas perdas de 8.000 millóns de euros ao erario público.

Comentarios