A CIG rexeita o diálogo social emprendido por CCOO e UGT co goberno e que supón avalar todas as políticas do PP

A CIG considera que a apertura do diálogo social e a sinatura dun documento conxunto entre o goberno, CCOO, UGT, CEOE e CEPYME supón por parte destes sindicatos avalar tanto as políticas do PP destes últimos anos, como as futuras, e dar un “cheque en branco” ao goberno para aplicar as medidas ditadas pola troika e a UE que foron as que nos levaron a esta situación. Ante isto a CIG denuncia o “entreguismo” dos sindicatos españois e a súa renuncia a reclamar os dereitos laborais e sociais perdidos pola clase  traballadora trala imposición das reformas laborais e sucesivos recortes aplicados durante este período. 
Tras sete anos de crise, de reformas laborais que provocaron a masiva destrución de emprego, un brutal incremento da precariedade laboral, a rebaixa xeralizada dos salarios, o aumento da temporalidade e a expulsión de miles de mozos e mozas á emigración, así como de políticas económicas que supuxeron un recorte brutal no investimento público, o afogamento dos sectores produtivos e un retroceso sen precedentes do sector público, dos servizos sociais, da sanidade pública e do ensino, entre outras, CCOO e UGT sentan a negociar co goberno do PP e a patronal e asinan un “Acordo de Propostas para a Negociación Tripartita para fortalecer o crecemento económico e o emprego”.  
 
Un acordo do que se tira non só que estas organizacións sindicais españolas asumen ao completo o modelo neoliberal consagrado pola UE senón tamén todos e cada un dos seus principios, a comezar polo déficit cero, asegurando que comparten “a necesidade de combinar políticas que fagan sostíbeis as contas públicas xunto con políticas de impulso da actividade económica e o investimento produtivo”.  

Un modelo que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denuncia que foi “fielmente executado polo Partido Popular e que agora veñen apoiar CCOO e UGT, que o fan ademais nun contexto no que desde ese goberno de dereita reaccionaria se están a recortar as liberdades públicas con reformas como a do Código Penal ou da Lei de Seguridade Cidadá, que teñen como principal obxectivo precisamente reprimir a mobilización social para que non se poñan en cuestión esas políticas”. 

Para a CIG o documento destila hipocrisía, tanto por parte do goberno como por parte deses sindicatos, é un canto ao españolismo e ao centralismo e serve ademais para avalar, desde as primeiras liñas, a versión do PP de que se está na “senda da recuperación económica”. Unha recuperación que a CIG considera falsa porque “as traballadoras e traballadores galegos seguen a sufrir un empeoramento das súas condicións laborais, salariais e de vida, mentres medran os beneficios das grandes empresas, de especuladores e banqueiros”, sinala Seixo. 

A CIG entende que do momento no que non se recolla mención algunha ás políticas impostas polo PP durante estes anos estase, de forma implícita, a validalas e mesmo a aceptalas, desde as reformas laborais até a das pensións pasando pola reforma da negociación colectiva, a nova lei de mutuas e mesmo a reforma do IRPF que se vén de aprobar e que prexudica a progresividade castigando máis as rendas baixas que as altas. 

Plan de explotación xuvenil

Do texto dedúcese ademais que o plan de emprego xuvenil, aprobado por Real Decreto polo Consello de Ministros do pasado 4 de xullo e que a CIG cualificou como “plan de explotación e emigración xuvenil”, é resultado das negociacións entre sindicatos, patronal e goberno iniciadas en febreiro de 2013. 

Un plan do que a CIG denunciou ademais que afonda en modalidades de contratación que favorecen a explotación da mocidade e que van provocar que a súa única alternativa, para buscar unhas condicións laborais máis dignas, siga sendo a emigración. Isto alén de garantir novas vías de subvención ás empresas ao introducir máis bonificacións á contratación. 

A CIG considera ademais que a medida estrela anunciada onte pola ministra de Emprego Fátima Báñez ao remate da xuntanza con sindicatos e patronal e que aparece recollida no documento é “un parche”. Esa medida prevé a creación dunha axuda para os cabezas de familias que teñan todos os seus membros en paro e non reciban ingresos laborais, e que se calcula que son unhas 500.000 persoas.   

Unha axuda que para a CIG non soluciona o problema real de pobreza e exclusión social que sofren miles de persoas en Galiza. Neste sentido, a central sindical lembra que, segundo os últimos datos da EPA, no noso país hai 93.700 fogares con todos os seus membros activos no paro. E non só iso, un total de 118.100 persoas, o 42% de desempregados/as leva máis de 2 anos en situación de desemprego e xa non ten ningún tipo de axuda. Un colectivo que non deixa de medrar pola ausencia de políticas que favorezan unha recuperación económica real e que garantan o apoio aos sectores produtivos para que se cree emprego de calidade e estábel.

Outro modelo é posíbel

Fronte os acordos que se recollen no documento asinado ao abeiro dese chamado diálogo social, a CIG defende a necesidade de pór en marcha con carácter urxente as medidas recollidas na ILP en materia de política industrial, financeira, fiscal, I+D, infraestruturas, laboral ou de servizos públicos, entre outras. 

Por todo isto denuncia que detrás deste acordo o que hai é unha “aceptación” e un “entreguismo” de CCOO e UGT a toda a política do goberno que con dureza se vén aplicando e unha renuncia explícita a reclamar os dereitos usurpados á clase traballadora. Un comportamento que entende que é simplemente inadmisíbel por parte de calquera organización sindical que debe ter como único fin a defensa dos intereses das e dos traballadores. 

Lembra que do diálogo social non vai vir nin a recuperación económica nin de dereitos, afirma que deses acordos non vai saír nada útil para a clase traballadora galega e entende que a única interlocución posíbel con este goberno ten que ser para pedir a súa dimisión e exixir pola vía da mobilización social un cambio radical da situación.

Comentarios