Informe remitido en relación aos xestores especialistas en previsión que pasarán a unha nova empresa

En primeiro lugar a dia de hoxe non recibimos toda a información solicitada, por exemplo o contrato modelo que asinará o persoal e que requirimos para que fose analizado polos nosos avogados con carácter previo. Deste xeito non puidemos dar cobertura a varias persoas afiliadas que así nolo demandaron.

Con todo i en base á información recibida emitimos o seguinte informe ao abeiro do Estatuto dos Traballadores/as.

Esta medida non pode ser analizada en solitario, xa que forma parte dun cambio de sistemática denominado Plan Más, sobre o que temos advertido que consideramos unha modificación substancial das condicións de traballo, sen que a empresa cumprira os requisitos establecidos na lexislación. Con todo e aínda que o considerásemos unha decisión illada, que non é o caso, habería que dicir o seguinte:

 -Si se tratase dunha decisión illada a empresa tería que ter informado con carácter previo á representación sindical. En primeiro lugar recibimos información dos traballadores/as; unha vez reclamada información a RRHH recibimos esta cando o proceso xa estaba en marcha. A día de hoxe a empresa fixo a selección do persoal, xa foi chamado o persoal e incluso aquelas persoas que inicialmente mostraron o seu desacordo coa medida foron presionadas e nos atrevemos a dicir ameazadas para que aceptase. 

-Vostedes alegaron unha suposta voluntariedade que non é tal, foi a empresa a que seleccionou ao persoal e incluso cando este non aceptou a suspensión do contrato, presionaron para lograr a aceptación. Non podemos esquecer que hai un Expediente de Despedimentos Colectivos vixente, que ademais contempla outras medidas lesivas para o persoal. Hai unha actuación viciada para aparentar unha adhesión voluntaria para pasar a outra empresa do Grupo. 

-Conforme aos roles que vostedes definen este persoal seguiría realizando as mesmas funcións que ata hoxe; nos mesmos centros de traballo; baixo o amparo do mesmo Convenio Colectivo; estarían baixo a mesma estrutura xerárquica e atenderían a mesma clientela que ata o de agora. Incluso a baixa deste persoal será suplida polo persoal da propia Abanca Corporación Financeira. Certamente estamos ante unha suspensión do contrato “simulada” e un novo contrato “simulado”, sen que coñezamos os motivos que se agochan detrás desa simulación. 

-Malia que os contrataría Abanca Seguros, estes traballadores e traballadoras estarían de facto cedidos para a empresa na que teñen suspendido o contrato (Abanca Corporación Financeira). Algo totalmente inexplicable, inédito e kafkiano. 

-A empresa aplicaría a este persoal o horario flexible, sen que fose negociado ese horario na nova empresa (Abanca Seguros). Agardamos que non pretendan manobrar para superar o número de xestores con horario flexible, previstos no acordo de 26 de Decembro. 

-En canto as condicións ofertadas, estas non foron negociadas i en moitos casos son vagas e carentes de garantías, o mesmo que a reincorporación que debería ser ao mesmo posto de traballo. 

En definitiva, consideramos que estamos ante unha suspensión simulada e unha nova contratación simulada para ser cedidos de novo á empresa inicial. Unha proposta que non tería encaixe na lexislación laboral vixente e que ademais ao noso entender sería fraudulenta. 

Simulouse tamén un proceso de voluntariedade para enmascarar que estamos dentro dun cambio de sistema e de rendibilidade (Plan Más) que ten as características dunha modificación substancial colectiva. 

Ademais non garante as condicións laborais na nova empresa, nin a reincorporación ao mesmo posto de traballo. 

 Por todo o exposto emitimos informe negativo e reclamamos da empresa que deixe sen efecto as medidas tomadas ata o día de hoxe. Reservándonos as medidas que estimemos oportunas.

Comentarios