Convenio: A patronal utiliza a estratexia que utilizaron nas empresas

Na reunión do 11 de marzo a patronal, seguindo a estratexia que utilizou nas empresas, presentou unhas estatísticas económicas nesgadas, que dan unha imaxe catastrófica do sector, para tratar de “xustificar” novos recortes. 

O convenio debe ser un compromiso entre as empresas e os traballadores/as, con garantías de ser cumprido, pero o futuro convenio naceu tolleito. A entidade cos maiores beneficios do sector, Abanca, conseguiu non aplicar o futuro convenio co aval de CCOO, UGT e CSICA. A partir de aí, a posibilidade de descolgue para o resto das empresas é unha posibilidade. 

Fronte a uns e outros, que dun xeito práctico baleiran de contido o convenio sectorial, a CIG segue apostando pola existencia dun Convenio Sectorial Galego. 

Plataforma Galega para o Convenio de Aforro 

Estrutura da negociación 

• Descentralización da negociación coa negociación de convenios sectoriais autonómicos, no noso caso galego, que se reservaría materias como salarios, xornada e horarios, contratación e emprego, réxime disciplinario, saúde laboral e prevención de riscos, e clasificación profesional. 

Ámbito persoal e funcional 

• Incluír ao persoal das Obras Sociais e Fundacións, incluír tamén ao persoal que presta servizo en banca telefónica, malia que o faga a través de centros de chamadas propios ou subcontratados. 

Retribucións 

• Suba salarial lineal de 2.500 euros para os dous anos (1.250 euros en 2015 e 1.250 euros en 2016), con cláusula de revisión á alza, ligada ao IPC, sobre o salario medio do sector. 

• Redución da fenda salarial entre niveis: conxelación dos salarios da Alta Dirección. • Consolidación das pagas beneficios. 

• Desaparición do tope dos trienios. Consolidación do pago dos trienios nas pagas extras. 

• Incremento da compensación da quilometraxe que se cobrará dende o primeiro quilómetro. 

• Prohibición de crear sistemas de retribución variable a nivel de empresa. Entendemos que é preciso ir máis alá das normativas europeas de mínimos sobre esta cuestión. Regulación das cargas de traballo 

• A nivel de empresa negociarase un sistema de regulación das cargas de traballo máximas e do número mínimo de persoas a asignar a cada oficina/departamento. Para establecer estes baremos terase en conta, entre outros rateos, o volume de negocio e o número de operacións. 

Xornada e tempo libranza 

• Xornada laboral: 35 horas en cómputo semanal. 

 • Horario: Libranza dos xoves polo serán con horario de 8:00 a 15:00 horas. 

• Vacacións: 28 días hábiles de vacacións. 

• Permisos: licenza retribuída de 5 días sen xustificacións. 

• Horas extras: calquera extensión da xornada laboral deberá ser comunicada previamente aos Comités de Empresa. 

• A formación, como parte que é da prestación laboral, realizarase dentro do horario establecido. 

Mobilidade xeográfica 

• Co fin de manter o emprego, eliminarase a mobilidade xeográfica ata os 25 quilómetros. As empresas deberán crear equipos de substitución. 

Emprego 

• Dadas as regulacións de emprego e, por conseguinte, a destrución de emprego fixo no sector, apostamos pola eliminación da contratación temporal sexa cal sexa a súa modalidade. Calquera contratación deberá ser de carácter indefinido. 

• Compromiso de non utilización dos despedimentos colectivos e obxectivos. 

Mobilidade funcional 

• Dividir o Grupo profesional I en dous subgrupos: o Grupo Técnicos/as: do nivel I a nivel V o Grupo Administrativos/as: do nivel XII a nivel VI. O Plus Convenio será lineal por 1.250 euros. 

• Creación no convenio dun catálogo de postos que defina as funcións e os niveis salariais. 

• Eliminación da mobilidade funcional para o grupo administrativo. 

Carreira Profesional 

• Eliminación dos niveis XIII e XII. • Alongar a carreira profesional por experiencia ata o nivel VI. Durante o período de ascenso o persoal cobrará trienios. 

• Mantemento da Clasificación de Oficinas: calquera posto de responsabilidade en calquera departamento ou oficina terá como mínimo o nivel VI a consolidar en 2 anos. 

• Creación dun catálogo de postos definindo funcións e o nivel salarial correspondente. 

• Creación dunha clasificación de Servizos Centrais. 

• Creación dun novo Grupo Profesional para o persoal da Obra Social e as Fundacións. 

Saúde Laboral 

• Regulación como dereito das recomendacións establecidas na Lei de Saúde Laboral para os postos de ventaíña como postos de traballo PVD (pantallas de visualización de datos). Establecemento de pausas PVD durante a xornada laboral. 

• A representación sindical poderá recusar a Mutua que xestione as baixas. 

Previsión Social 

Achega Definida: a achega anual será o 6% do salario bruto, cun mínimo de 3.000 euros. 

Comisión Pola Normalización Lingüística 

Esta Comisión constituirase como contribución á normalización lingüística do uso do galego nas relacións laborais, garantindo o dereito dos traballadores e traballadoras a utilizar o seu idioma propio. As entidades procederán á normalización de todos os impresos, operativa e da normativa interna da empresa, nas diversas linguas oficiais do Estado. Como criterio xeral para a cobertura de vacantes en oficinas situadas en Galiza, as entidades comprometeranse a nomear traballadores/as con coñecemento do galego falado e escrito. 

Plans Igualdade 

Os plans de igualdade que se negociarán a nivel de empresa, deberán ter en conta a incidencia da carreira profesional e dos complementos funcionais nas diferenzas salariais entre mulleres e homes. A creación de complementos funcionais ou asociados ao nivel salarial deberá ser analizada dende unha perspectiva de xénero. 

Galiza, 13 de marzo de 2015

Comentarios