É falso que as prácticas inmorais "sucedan" en todos os sindicatos.

A Dirección de CCOO nos sectores de Banca, Aforro, Centros de Chamadas e Oficinas, para defenderse dos escándalos destapados polo xornal El Pais declarou que “esto sucede en todos os sindicatos”. Pretendían xustificar o que consideramos inmoral, facendo ver que no sector é habitual o pago de sobresoldos a delegados/as liberados (que xa cobran o seu salario das empresas); que é habitual recibir subvencións multimillonarias das empresas ao tempo que asinaban Expedientes de Despedimentos e recortes nas condicións laborais; ou que son habituais os gastos en mariscadas e viaxes suntuosos. 

Pensamos que corresponde a CCOO dar explicacións ante os cadros de persoal das empresas e ante o conxunto da sociedade, pero dado que pretenden estender un manto de dúbida sobre outros sindicatos, queremos aclarar o seguinte sobre a actuación das CIG: 

1. Ningún delegado ou delegada da CIG cobrou sobresoldos. O noso traballo sindical é por compromiso persoal e militante. Ademais en non poucos casos ir en candidaturas da CIG provoca persecucións por parte das empresas, os delegados e delegadas da CIG non buscan o beneficio persoal. 

 2. A CIG non asinou ningún acordo que implique un maior salario ou mellor carreira profesional para os nosos delegados ou delegadas. 

 3. Cando os delegados e delegadas da CIG visitamos centros de traballo ou cando nos reunimos, si comemos fora cada quen paga o xantar do seu peto.

 4. A CIG rexeitou as compensacións económicas que nos correspondían de novacaixagalicia, ncg. Sendo certo que as empresas teñen o deber legal de colaborar coa representación legal dos traballadores/as, entendemos que non cabían subvencións (duplicadas) por parte dunha Entidade rescatada con recursos públicos, cando a clientela sufriu quitas e cando ademais houbo unha durísima reestruturación con despedimentos e recortes salariais. 

 5. Para a CIG a afiliación dos traballadores e as traballadoras debe ser a fonte de financiamento sindical, como garante da independencia na toma de decisións fronte as empresas. 

Di o refrán que "pensa o ladrón que todos son da súa condición", pero non todos somos igoais.

Comentarios